1. Tipos de deportistas:
O Rexistro de Deportistas da Uvigo abrangue as seguinte categorías:
Deportistas representantes da Uvigo (nivel intermedio). Inclúese o estudantado representante da Universidade de Vigo en competicións universitarias de ámbito estatal e internacional, e as persoas integrantes da sección deportiva da Universidade de Vigo ou das entidades federadas coas que se manteñan acordos de colaboración e que participen baixo a denominación da Universidade.
Deportistas de elite. Inclúense as persoas competidoras, adestradoras ou xuízas deportivas que acrediten a condición de deportistas de alto nivel ou alto rendemento deportivo que participan en competicións de elite de ámbito nacional ou internacional e que precisan conciliar a súa actividade académica coa súa carreira deportiva.
2. Dereitos das persoas deportistas representantes da Uvigo (nivel intermedio)
Exención da obriga de asistencia presencial ás actividades académicas así como o cambio de data para realizar as probas de avaliación cando estas coincidan con desprazamentos para participar en competicións representando á Uvigo e polo tempo estritamente necesario.
Gratuidade no uso das instalacións deportivas propias da Universidade de Vigo.
Valoración da súa condición de deportista nos procesos de selección dos programas de mobilidade.
Aplicación das medidas específicas de apoio establecidas no programa PAT do seu centro.
3. Dereitos das persoas deportistas de elite
- Todos os que lle correspondan aos deportistas de nivel intermedio.
- Elección do horario, quenda ou grupo, nos casos en que sexa posible, para compatibilizar a asistencia á clase coa súa actividade deportiva.
- Xustificación de faltas de asistencia das sesións lectivas, de carácter obrigatorio, por participar en competicións oficiais e nas concentracións e nos adestramentos da selección española, mediante a correspondente certificación da federación deportiva.
- Flexibilización do calendario de exames cando coincida con competicións oficiais e con concentracións e adestramentos da selección española, xustificados mediante a certificación da federación deportiva correspondente.
- Obtención do recoñecemento de ata 6 créditos ECTS pola súa actividade deportiva.
- Reserva non inferior ao 5 % en prazas das residencias universitarias.
- Obtención da condición de estudante a tempo parcial, tras solicitala.
* Naqueles casos nos que teñan a súa residencia fora da Comunidade Autónoma Galega durante o curso escolar recoñecerlle a condición de estudante con necesidades educativas especiais (PIUNE)
4. Deberes dos deportistas de elite e intermedios:
Colaborar coa Universidade de Vigo na divulgación e na promoción do deporte universitario, as boas prácticas no ámbito deportivo e os hábitos de vida saudable.
Representar a Universidade de Vigo nas competicións e convocatorias para as que sexa requirido. Esixirase documentación acreditativa no caso de non ser compatible coa súa planificación anual de adestramentos e de competicións.
5. Duración dos recoñecementos
Terán validez durante o curso académico no que se teña solicitado e perderase cando deixen de cumprir os requisitos polos que foran concedidos, cando incumpran os deberes establecidos no Estatuto do Estudantado Deportista ou á finalización do curso académico correspondente.