BREVE HISTORIA DO TORNEO
Corría o ano 1982 cando un grupo de integrantes do colectivo de PAS das universidades de Estremadura e Granada, concluíron na necesidade de buscar unha fórmula que permitise o estreitamento dos lazos de amizade persoal e familiar, na procura da unión dun colectivo que comparte idéntica actividade profesional.
As dúas universidades entenderon como método máis acaído para os fins perseguidos, a celebración dunhas xornadas lúdico deportivas e de convivencia entre os integrantes do colectivo.
A iniciativa tivo éxito, sendo o froito máis sobranceiro, a organización do primeiro campionato de fútbol-sala de PAS no ano 1983. No que participaron as universidades andaluzas e a de Estremadura. O interese xerado fixo que en anos posteriores se estendera a outras universidades españolas, por tratarse no so dun acontecemento deportivo concretado no desenvolvemento do campionato, senón nunha actividade cun calado moito máis profundo, excedendo os lindeiros dos cometidos habituais das competición deportivas. O intercambio de pareceres e técnicas de xestión permite, non só un coñecemento empírico, senón tamén a xeración de expectativas de colaboración. Exemplo paradigmático disto, son os pioneiros acordos entre a Universidade de Vigo e a de Alacante para favorecer a conciliación familiar de varios membros do PAS da Universidade de Vigo.
Na actualidade o torneo, iniciado coa participación de dúas universidades, creceu de tal xeito que abrangue a participación das seguintes 10 universidades: Universidade das Illas Baleares, Universidade de Granada, Universidade de Cádiz, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Oviedo, Universidade de Almería, Universidade de Murcia, Universidade de A Laguna, Universidade de Alacante e a Universidade de Vigo. As dificultades de organización e a consecuente necesidade de incrementar os días de realización do campionato impiden, polo momento, a entrada doutras universidades interesadas, tales como a de Cantabria, Xaén, Valencia, Sevilla e Zaragoza.