A Aula Permanente de Música Tradicional do Campus de Pontevedra é un espazo formativo no que a música tradicional debe achegarse dende un enfoque lúdico á vez que proporciona ferramentas para o coñecemento da cultura galega a través de varios eixos: a adquisición das habilidades necesarias para a interpretación musical, o coñecemento da teoría musical e a comprensión dos aspectos sociais e culturais nos que se enmarca a práctica da música tradicional e popular. A docencia estruturarase en torno a tres especialidades que garantan a continuidade da maioría do alumando matriculado nos anos anteriores: gaita,percusión tradicional e zanfona. A maiores, a práctica de conxunto incorporaría a montaxe puntual de repertorio de canto colectivo, entendendo o repertorio vocal como un dos eixos nos que se estrutura a música tradicional galega.
Os obxectivos dun grupo como a Aula Permanente poden tomar como marco de referencia, pola semellanza do proxecto, os da Orde de 11 de marzo 1993, pola que se regulan as condicións de creación e funcionamento das escolas de música e danza da Comunidade Autónoma de Galicia. Sirvan de mostra os seguintes: - O1. Fomentar o coñecemento e apreciación da música - O2. Desenvolver unha oferta ampla e diversificada da educación musical - O3. Ofrecer un ensino instrumental orientada á practica solista e conxunto - O4. Proporcionar un ensino musical complementario á práctica instrumental - O5. Fomentar o interese pola participación e agrupacións vocais ou instrumentais - O6. Organizar actuacións públicas e participar en actividades de carácter afeccionado Estes obxectivos poden concretarse, no marco específico dun proxecto vencellado á música tradicional galega, do seguinte xeito: - O1.1. Coñecer e apreciar a música tradicional galega nas súas diferentes manifestacións vocais e instrumentais. - O1.2. Garantir o recoñecemento e diferenciación dos diferentes xéneros e ritmos que conforman a tradición musical de Galicia. - O2.1. Achegar a música tradicional ós diferentes sectores de poboación como un elemento máis da cadea de transmisión da cultura propia. O3.1. Ofrecer espazos para a práctica instrumental solista dentro de práctica grupal atendendo ás características das formacións de música tradicional propias. - O3.2. Desenvolver e consolidar un repertorio de conxunto, atendendo á expresión musical
e á afinación para practicar a interpretación en grupo nunha formación habitual do instrumento. - O4.1. Adquirir coñecementos básicos sobre os principais intérpretes e o seu repertorio e as diferentes cornamusas para ser conscientes da importancia de preservar o patrimonio da música tradicional. - O4.2. Adquirir coñecementos básicos de teoría musical que permitan unha achega máis consciente á interpretación musical. - O5.1. Coñecer as diferentes formacións propias da música tradicional galega, así como as novas formacións baseadas na música popular galega, e fomentar a participación do alumnado nelas. - O6.1. Realizar audicións públicas prestando atención ós aspectos expresivos e técnicos do repertorio con vistas a unha progresiva profesionalización da interpretación. - O6.2. Fomentar a práctica instrumental como elemento lúdico en espazos alleos á propia Aula.
Os obxectivos O3.1., O5.1. e O6.1, no caso de que o alumnado poida cumprir cos requisitos e as circunstancias así o permitisen, poden ter continuidade coa formación de carácter semiprofesional que se realiza no Grupo de Música Tradicional. Paralelamente, propóñense os seguintes obxectivos: - O7. Realizar exercicios de quecemento, estiramento e concentración de forma guiada coa fin de adquirir hábitos saudables de estudo. - O8. Aplicar os coñecementos musicais teóricos adquiridos na práctica instrumental. - O9. Fomentar a igualdade na música tradicional mediante o estudo do repertorio de compositoras e das referentes.
Grupos e horarios:
16:00 Gaita I
17:00 Gaita II
18:00 Dependendo da demanda, Gaita III ou Percusión iniciación
19:00 Percusión
20:00 Zanfona iniciación
Os grupos distribuiranse de acordo ós criterios da profesora unha vez comezado o curso.
A docente será Marina Fernández Vigo
O obxectivo deste curso de iniciacion ao baile tradicional galego será dobre: Por unha banda aprender o imprescindible para poder participar de maneira activa e divertida nunha foliada e pola outra, axudar a gañar forma física, xa que o baile é un exercicio físico aeróbico cunha certa esixencia. Así, achegarase á muiñeira e á xota, os dous ritmos soltos do noso baile tradicional. Aprender os seus pasos base: picados, cortes, pasos saltados, adiante-atrás, patadas e couces. Coñecer as regras que rexen a combinación dos pasos base para convertelos en puntos, como se estrutura a muiñeira e a xota, coas súas similitudes e diferenzas. Ao mesmo tempo, terán cabida neste curso os principais ritmos agarrados: o pasodobre e o valse, sen esquecer como se leva e como hai que deixarse levar. Para saber de onde vén o que se aprende, proxectarase algún corte de recollidas realizadas polo territorio galego dende mediados da década dos oitenta ata a actualidade. Todas as sesións comezarán cun quecemento, irase subindo a esixencia física progresivamente,tendo sempre en conta a forma física das persoas participantes, e rematarase cos estiramentos imprescindibles e necesarios para evitar sufrir lesións ou dores musculares. O curso impartirase en dúas sesións diarias de hora e media cada unha. A profesora encadrará ás persoas participantes en dous grupos, un de INICIACIÓN e outro de CONTINUACIÓN en función das súas habilidades e destrezas en baile tradicional galego.