Os principais obxectivos son:
As persoas matriculadas deberán poder empregar a plataforma virtual (Enmaxe) á que se subirá o material docente do obradoiro. O manexo da plataforma explicarase na primeira sesión para que o alumnado poida empregala sen problemas. Ademais, tamén se empregará o correo electrónico como ferramenta de contacto constante co alumnado para dar avisos ou para enviar ligazóns dos vídeos das sesións teóricas.
O obradoiro centrarase en que os asistentes aprendan conceptos teóricos sobre árbores e arbustos arborescentes e coñezan as súas aplicacións en diferentes ámbitos da vida cotiá, así como a relación destes organismos co ser humano ao longo da historia (alimentación, medicina, usos ornamentais e forestais). Ademais, tentarase que o alumnado aprenda a empregar diferentes ferramentas para a identificación práctica das árbores e arbustos arborescentes.
Realizaranse nalgunhas sesións saídas de campo (12 h) para revisar e identificar exemplares in situ dos vistos nas sesións teóricas. Nas demais sesións haberá unha presentación sobre diferentes usos das árbores e arbustos (10 h). O alumnado terá 5 horas para a realización de cuestionarios e actividades relacionadas co temario e 3 horas para a elaboración das fichas de especies que se empregarán en parte da avaliación.
A avaliación realizarase mediante o control de asistencia ás clases e cunha presentación final de 5 fichas de especies arbóreas que conteña fotografías que permitan identificar os exemplares e unha descritiva dos seus usos.
Modalidade mixta: O obradoiro desenvolverase maioritariamente a través de videoconferencia (síncrona, é dicir, os alumnos deben estar presentes no momento no que se realice a sesión), con excepción das saídas de campo, que se realizarán de xeito presencial.
Recoñecemento de créditos: Ao remate do obradoiro entregarase un diploma acreditativo (asistencia obrigatoria ao 85 % das horas) con recoñecemento de 1 crédito ECTS para as ensinanzas de grao por cada 30 horas. O alumnado solicitará o recoñecemento de créditos no centro onde se imparta a titulación na que pretenda validar esas horas, presentando o certificado/diploma de aproveitamento da actividade.
Docentes: María Cabaleiro Alfaya, María Luisa Castro Cerdeda, Hugo Fernández Ricón, Andrés Cordeiro Baqueiro, Paula Estévez Caride, Gabriel Pérez Torrón